Tal e como tiña anunciado, a CIG
presentou hoxe na AN en Madrid unha querela criminal contra os ex-directivos
das Caixas de Aforros Galegas (Caixa Galicia, Caixanova, Novacaixagalicia) e de
NCG Banco S.A. (Novagalicia Banco) pola emisión de participacións preferentes.
Esta querela non vai contra ningún traballador/a da Entidade.
Unha vez máis, o
sindicalismo nacionalista e de clase ten que erguer a voz para reclamar xustiza,
ante a complicidade dos Gobernos Centrais e Autonómicos e dos Organismos
supervisores e de control (Banco de España, FROB).
Neste senso, é preciso
lembrar que esta non é a primeira querela que presenta a CIG; con anterioridade
presentou, xunto co sindicato vasco ELA, unha querela contra os Gobernos e o
Banco de España, que foi arquivada.
A propia CIG tamén
presentou no ano 2011 unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, que deu
traslado á Fiscalía Anticorrupción, contra os ex-directivos de Novacaixagalicia.
Anticorrupción abriu daquelas unha investigación, presentando posteriormente
unha querela polo cobro de indemnizacións multimillonarias.
Con esta querela, a CIG
busca que se faga xustiza e que non quede impune a estafa piramidal das
participacións preferentes, que afectou a milleiros de persoas en toda Galiza. Sen
esquecer que a xestión dolosa da Entidade abriu o camiño para a privatización
das Caixas de Aforros Galegas, e que foi preciso un rescate bancario
multimillonario que xustificou durísimos recortes sociais e reformas laborais
ou das pensións. Os procesos de fusión, rescate e privatización, tiveron
ademais durísimas repercusións laborais.
Por último, dicir que esta
querela non está dirixida contra traballadores e traballadoras da Entidade. Non
denunciamos o proceso de comercialización individual, todo o contrario, a
propia querela recolle as presións comerciais que padecemos habitualmente. Ademais,
as sentenzas por denuncias da clientela (ou incluso de compañeiros e
compañeiras afectados/as) demostran que nós tamén fomos vítimas dun engano
masivo.
Si que esta querela pode
rematar afectando a persoas da alta dirección que aínda forman parte do organigrama,
na medida en que foron partícipes das decisións tomadas. Neste senso, CCOO e
UGT deberían explicar a que intereses responden cando tratan de intoxicar sobre
esta cuestión. Quizás algúns amosan a preocupación propia, xa que dirixentes
sindicais formaron parte dos Órganos de Goberno e non teñen a conciencia
tranquila. Cada quen saberá o que fixo.
Sem comentários:
Enviar um comentário