O pasado 5 de novembro concentrámonos diante da oficina principal de Novagalicia Banco na Coruña para demandar a paralización do proceso de poxa, un proceso sen garantías dende o punto de vista laboral. Coincidimos cunha protesta de persoas afectadas polas preferentes e subordinadas.
A uns os deixaron sen os aforros de toda unha vida de esforzo e traballo; a outros queren quitarnos directamente o traballo. Somos vítimas da reestruturación bancaria por Decreto gobernativo. Toda a sociedade pagou as consecuencias, os recursos inxectados nas entidades bancarias xustificaron recortes en sanidade, os co-pagos, os inxustísimos recortes en dependencia, en educación, reformas e recortes nas pensións, reformas laborais.... tanto sufrimento social e laboral para beneficio de quen? Semella que en breve teremos a resposta.
Non imos a entrar no terreo da especulación (nunca mellor dito), non se trata de adiviñar que opción é peor (non hai boa). O grave é que o Goberno do PP quere malvender Novagalicia Banco dun xeito opaco e sen ningún tipo de garantía laboral.
Resulta escandaloso o silencio do Presidente da Xunta de Galicia, convertido nun “tertuliano”, que “opinará cando se produza a venda”. Ou o silencio cómplice dos Concellos nos que se sitúan uns Servizos Centrais que empregan a case un milleiro de persoas: A Coruña e Vigo.
Os traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco defendemos os nosos empregos día a día nas circunstancias máis adversas que ninguén podería imaxinar, e mobilizámonos cando foi preciso. Loitaremos polo noso.
Sem comentários:
Enviar um comentário