2.10.13

Non á privatización de novagalicia banco, defendamos o emprego.


Os traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco sufrimos 4 Expedientes de Despedimentos Colectivos, un caso inédito no sistema financeiro do Estado Español. O proceso de venda, que aparentemente puxo en marcha o Goberno (a única información é o publicado nos medios de comunicación), pode afectar novamente ao emprego.


O ERE IV non se está aplicando na súa totalidade, semella que a Dirección aprazou algunhas das medidas máis duras ata que se produza a venda por parte do Estado. O Plan de Reestruturación instado pola Dirección, que demandaban os fondos estranxeiros está paralizado, non foi retirado (a venda de UGAS, a venda de rede en Galiza, as reducións de xornada e salarios, a redución do cadro de persoal ata 3.334 FTE, etc.). Semella un insulto que quen promoveu o maior Expediente de Despedimentos da historia de Galiza, recorra agora a destacar que a súa opción é a menos lesiva para o emprego. Aos fondos impórtalles facer negocio, non os nosos postos de traballo.

Polo tanto, calquera das alternativas de futuro que impliquen a privatización de NCG Banco S.A., teñen custes laborais, dependendo no caso da banca española de varios factores.

Se Novagalicia Banco seguira como marca dentro dun Grupo, sen ser absorbida, o impacto sobre o emprego sería menor ou inexistente a curto prazo.

A absorción por parte do Santander, BBVA ou Caixabank, tería innegables repercusións tanto polas duplicidades dos SSCC como na rede. Malia que dependería tamén das decisións por parte do comprador. Santander tiña en Galiza 268 oficinas (acaba de comunicar que 22 pecharán as súas portas en outubro) e 1.100 persoas. O BBVA ten 227 oficinas e 1.100 persoas. Caixabank ten 198 oficinas e algo máis de 750 persoas.

Semella claro que a absorción levaría a practica desaparición de SSCC en Vigo e na Coruña (sobre 950 persoas incluído o persoal de UGAS). Ademais, dependendo do comprador, habería duplicidades na rede que poderían levar ao peche, cando menos, de 200 oficinas, o que podería afectar a 600 postos de traballo.

Na absorción de UNNIM o BBVA aplicou un ERE extintivo ao persoal da antiga caixa cando tiña vacantes (contratou persoal no resto do Estado). O Santander puxo en marcha un ERE despois da absorción do Banesto. No caso de Banca Cívica Caixabank aparte de despedimentos houbo 800 traslados a súa rede. Polo tanto os cálculos do impacto dunha absorción non son doados, e dependerían da fórmula utilizada polo futuro comprador.

Calquera das alternativas privatizadoras son malas, un dos motivos da nosa oposición. A CIG reclama a transferencia á CCAA e a conversión nunha Banca Pública e Galega. Todos veñen ao que veñen, e non hai salvadores dos postos de traballo máis alá da defensa que podamos facer os propios traballadores e traballadoras. É por isto que, sen menoscabo da nosa posición, reclamamos ao FROB información sobre o proceso de venta e as condicións, nomeadamente se requirirá ao comprador a protección do emprego.

Sem comentários: