29.10.13

Maña acto do Foro Cívico da Coruña

Maña participaremos nun acto do Club de Opiniíon Foro Cívico da Coruña: 

O DESMANTELAMENTO DO SISTEMA FINANCEIRO GALEGO 

Mércores, 30 de outubro de 2013, ás 20 horas no hotel Riazor da Coruña 

Participan: Ángel Iglesias, responsable do sector financeiro de UGT A Coruña, Manuel Lago, economista, responsable do gabinete económico de CCOO Galicia, Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG banca. Moderador: Manuel Monge, da xunta directiva do Foro Cívico.

Asistimos nos últimos anos a un auténtico desmantelamento do sistema financeiro galego. Primeiramente perdemos as dúas caixas de aforro galegas (Caixa Galicia e Caixanova); despois perdemos o Banco Pastor, Banco Etcheverría, Banco Gallego, Evo Banco… Para as próximas semanas anúnciase a venda en subhasta pública de Novagalicia Banco. Estamos a falar dunha entidade moi importante para Galicia, resultado da fusión das dúas caixas galegas, cuns activos de 77.800 millóns de euros, case 3 millóns de clientes e que recolle o 50% do aforro galego. Varias entidades bancarias do Estado e fondos estranxeiros xa mostraron o seu interese pola súa adquisición. Iso vai supor que os centros de decisión van estar fóra de Galicia, pode haber novas perdas de postos de traballo e van ter un futuro incerto tanto a obra social como as obras de arte, propiedade de NCG. Cando se inicia esta desfeita? Por que se modificou en Madrid a Lei de Caixas, aprobada polo Parlamento Galego? Quen son os responsables desta situación? Que papel xogou o Banco de España e os directivos das entidades bancarias? Como se permitiu a estafa das preferentes e subordinadas? Que fixo a Xunta para evitar o desmantelamento do sistema financeiro galego? Se o prazo concedido por Bruxelas para a venda de NCG expiraba en 2017, ¿por qué se adianta cando agora hai un proceso de recuperación e saneamento da entidade, con beneficios importantes? Por que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo non presiona a Mariano Rajoy e ao FROB para esixir a paralización deste espolio? Non tería que tomar a Xunta un papel máis protagonista e iniciar un proceso para a conformación dunha Banca Pública Galega? Como é posible que despois da desastrosa xestión dos últimos anos, cinco directivos das caixas galegas marchen para casa cunhas indemnizacións e pensións que suman 68,63 millóns de euros? 

De todas estas cuestións debateremos neste acto do club de opinión FORO CÍVICO.

Sem comentários: