O BNG convidou á
representación sindical de Novagalicia Banco a unha reunión para analizar o
proceso de privatización e as posibles repercusións sociais e laborais derivadas
do mesmo. Asistiron todas as organizacións con presenza na empresa: CIG, CCOO,
CSICA, UGT, ASCA e CGT, e por parte do BNG estivo presente o voceiro nacional,
Xabier Vence e o Secretario de Organización, Bieito Lobeira.
Na reunión houbo
coincidencia en destacar as graves repercusións sociais e para a economía
galega deste proceso, no que a Xunta de Galicia adoptou inexplicablemente o
papel de mero espectador, así coma das posibles repercusións laborais dunha
hipotética absorción por outra Entidade. Tamén na necesidade de transformar Novagalicia
Banco nunha Banca Pública e Galega.
O BNG fixo unha oferta á
representación sindical, que de aceptar faría extensiva ao resto dos grupos
políticos, para iniciar un proceso de mobilizacións para paralizar a poxa da
Entidade e a súa conversión nunha Banca Pública e Galega. Na CIG xa temos aprobada
unha campaña de mobilizacións neste senso e amosamos o noso ánimo de converxer
co resto de organizacións na defensa do emprego.
Temos previsto tamén, solicitar
reunións cos Grupos Parlamentares e cos Grupos municipais de Vigo e a Coruña para
poñer sobre a mesa a posible perda de emprego, nomeadamente nestas dúas cidades,
se se leva adiante a entrega de Novagalicia Banco a capital privado. Solicitamos
do BNG que traslade iniciativas en contra do proceso tamén ao Parlamento Galego
e ao Congreso dos Deputados para que, no caso de producirse a venda, o Estado
teña en conta o mantemento do emprego, dado que dende o proceso de fusión o
cadro de persoal reduciuse en 3.000 persoas.
Non queremos a
privatización por principios, pero tamén porque sabemos cal pode ser o final:
co proceso de privatización están en grave perigo centos de postos de traballo.
É agora, cando
se definen as condicións, cando toca moverse.
Sem comentários:
Enviar um comentário