3.5.13

O pleno do Parlamento pronunciarase ante a petición do recoñecemento do dereito á obxección de conciencia



Os traballadores e traballadoras non somos culpábeis das leis inxustas, das actuacións inxustas realizadas polas Entidades Financeiras, nin das irregularidades contra as que os xulgados están ditando sentenzas. É por iso que demandamos un cambio de políticas comerciais e financeiras co recoñecemento do dereito á obxección de conciencia.

Tal e como comunicamos a CIG dirixiuse ás patronais AEB (banca), ACARL (bancos procedentes das antigas Caixas) e ao FROB para solicitar o recoñecemento de dito dereito para evitar que podamos ser forzados a participar en desafiuzamentos; na comercialización de produtos complexos en tramo minorista; e na quita á clientela afectada pola estafa monumental das preferentes e obrigas subordinadas.

Tivemos contestación por parte da patronal dos bancos procedentes das antigas caixas (ACARL), que nos comunicou que segundo os seus Estatutos non é competente polo que debemos dirixirnos ás distintas empresas das que pretendamos obter o recoñecemento.

A nosa proposta debaterase tamén no Parlamento Galego, toda vez que o Grupo Parlamentar do BNG, por iniciativa propia que agradecemos, ten presentado unha proposición non de lei para que este se pronuncie a favor do dereito dos traballadores e traballadoras do sector á obxeción de conciencia.

Pensamos que a aprobación por parte do Parlamento Galego, nos termos propostos, sería un importante paso adiante, que ademais evidenciaría ante a sociedade que os culpables da mala praxes son outros.

Moitos traballadores e traballadoras son vítimas dunha violencia crecente no seu traballo, entendemos que a nosa reclamación do dereito á obxección de conciencia sería un importantísimo paso para rematar con esta situación, delimitando as responsabilidades de cada quen.

Podes ver aquí a proposición non de Lei para debate no Pleno.

Sem comentários: