30.4.13

Quen garante o emprego de UGAS en caso de venda?



Cando o Goberno aprobou no mes de agosto do ano pasado o RD 24/2012, advertimos que NCG Banco entraba en Resolución Ordenada, o que obrigaba á posta en marcha do Plan de Reestruturación. O Expediente de Despedimentos Colectivos e a Quita á clientela con débeda subordinada, nacen daquel decretazo, como tamén nacen o traspaso e vendas de activo e rede. Sempre fomos críticos con ese Decreto, o tempo está demostrando que tiñamos razón cando a CIG se mobilizou contra o mesmo.
Os distintos Gobernos erraron en todas e cada unha das reformas do sector financeiro, desvalorizando as Entidades rescatadas e agravando as sucesivas facturas para o erario público. Máis preocupados por privatizar Entidades e pola centralización, contribuíron a un maior deterioro do sistema financeiro e impediron a saída da crise económica.
Un claro exemplo é o último rescate, que supuxo unha inxección de 10.000 millóns de euros de fondos públicos para NCG Banco. A desconfianza xerada pola inxusta quita, o peche continuo da rede de oficinas e a incerteza sobre o futuro (se se fusiona con Bankia, se se vende, etc.), levou a que continúe a caída de depósitos.
As últimas novas sobre a posible venda de UGAS (temos demandado información da Dirección), son un paso máis nese proceso de desmantelamento progresivo da empresa. O problema non é a sucesión, a garantía de emprego para o persoal depende de quen sexa o que merque UGAS. Non é a mesma garantía a adquisición por parte de outra Entidade Financeira, que por un fondo voitre ou polo “cobrador do frac”. Queremos saber como, e a quen se pretende vender UGAS, e se no prego de condicións da venda o Goberno/FROB terá en conta a oferta que mellor garanta o emprego.
En definitiva, seguimos esixindo un novo Plan de Futuro para a Entidade: que manteña a súa integridade como empresa; que remate coas vendas de activos a prezo de saldo; que devolva a clientela afectada pola débeda subordinada o 100% dos aforros, o que ademais permitiría restaurar a confianza; e esiximos un plan que garanta o emprego de todas e cada unha das persoas vinculadas a NCG Banco S.A.

Sem comentários: