Os homes non queren ser burros; quixeran en troques seren leóns, tigres, lobos..., xustamente porque os homes son máis burros que leóns, que tigres, que lobos... por iso a verba "burro" é un alcume aldraxante para eles.
O meu lombo rexe con calquera home e secomasí os homes prefiren un cabalo, un elefante... calquera besta máis grande que eles, de modo que ninguén poida decir: "velahí van dous". Non nos aprecian, porque ollan en nós as virtudes dos homes de ben.
Somos amigos dos probes, amparo dos mendicantes; temos levado no lombo a Noso Señor e San Francisco de Asís: pero non levamos ningún guerreiro.
A paz virá cando os homes todos queiran ser burros.
Chegaron a negarnos caletre porque andabamos pola veira dos camiños. ¡Parvos! Un burro pode morrer asesinado por un auto; pero un burro non cai debaixo dun auto, como caen os cans e as galiñas... Nós presentíamos a chegada dos autos denantes de inventalos o demo do inferno.
Niste punto volvín en min.
Cousas, Castelao
1 comentário:
A mellor contestación posible ao dos rebuznos. Ladran, logo cabalgamos.
Enviar um comentário