4.1.13

Despedir, despedir, despedir e despedir ata o 2017

Comunicado conxunto de toda a representación sindical de NCG Banco SA.

O día 4 de xaneiro os sindicatos acudimos á convocatoria realizada pola Dirección da Entidade e, tal e como estaba previsto, ás 11:30 horas comezou a reunión. Segundo se sentaron, dixeron que precisaban un receso de 10 minutos para preparar a documentación que nos sería entregada (coma se non tiveran todo preparado dende decembro). Buscaban que os sindicatos nos levantáramos da mesa e xustificar o inicio do ERE, que é o que queren.

As 12:00 volveron á reunión, entregando o medio folio que vos achegamos, como único xustificante para despedir a 2.508 persoas. Os datos do documento non coinciden co feito relevante presentado por NCG Banco na CNMV. Comentaron que remitirían outro documento por correo electrónico, un “Power Point” que engade pouco máis (documento co logo do Barclays Bank) e un “Excel” co censo.

A Dirección presentouse á reunión co único obxectivo de cubrir un formalismo legal. Anunciaron que os despedimentos previstos forman parte do plan de resolución e que sobre as condicións dos despedimentos e do persoal que quede, falaremos a partir do inicio do ERE. Non queren negociar.

Mantiveron unha actitude prepotente e incluso os seus avogados externos fixeron bromas ao longo da reunión, cando o que pretenden é estragar a vida de 2.508 familias. Indignante.

Neste senso a manifestación do día 12 de xaneiro que sairá ás 12:00 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela, é máis importante que nunca. Haberá autobuses dende os mesmos lugares que na convocatoria da asemblea; anotádevos antes do mércores no correo asambleaconjunta@gmail.com, cun prezo de 5 euros por persoa que podedes ingresar na conta 2080.5419.90.3040112287. Estamos consultando prezos para os autobuses do resto do Estado (fundamentalmente Asturias, León e Madrid), e agardamos poder pechalos canto antes.

É imprescindible asistir coa familia á manifestación; así mesmo, os sindicatos estamos traballando para conseguir o máximo apoio social á mesma.

A empresa pretende iniciar xa a tramitación do ERE, en principio o 14 de xaneiro, para poder despedir dentro dun mes. Ante esta situación os sindicatos decidimos a convocatoria dun paro parcial para ese día de 12:00 a 12:30 da mañá, na primeira xornada dun calendario que iremos facendo público segundo evolucionen os acontecementos.

O Presidente da Entidade sempre di "seguiremos solos". Debe referirse a que aquí só quedarán el e González Bueno, porque ao resto pretenden negarnos o futuro.

12 de xaneiro: todos e todas a Santiago!!!
14 de xaneiro: PARA, para non ir ao paro

Sem comentários: