Cando un barco se afunde é importante que durante as tarefas de salvamento non cunda o caos, para salvar as máximas vidas posibles. A saída debe ser organizada, evitando que cada quen trate de salvar a súa propia vida provocando na meirande parte dos casos un maior número de vítimas.
Da nosa historia recente podemos tirar as seguintes leccións:
1. Conforme quebraron a capacidade de resistencia colectiva e cada quen procurou a saída individual, as condicións empeoraron.
2. A través da incerteza estenden o medo, só así conseguen pechar un ERE tras outro, requisito indispensable para poder poñer en marcha o seguinte. Os traballadores/as estámonos suicidando.
3. Conforme marcha a xente con maior conciencia sindical, resulta máis doado despedir barato.
4. As saídas voluntarias para os/as maiores de 55 anos cóbrense sen problemas.
5. Os codazos para subir aos botes, resultan arrepiantes. O listado de peticións debería ser público en todo momento, para que cada quen soubera en que posición está.
6. As restricións da capacidade comercial da Entidade só son correctas se se pretende a súa desaparición. Os recortes de persoal lastran o futuro dos/das que queremos quedar (porque non nos queda máis remedio para dar de comer ás nosas familias).
Por todo isto, dende a CIG defendemos o seguinte:
1. Non debemos caer no canibalismo, a maior protección en casos coma o noso é a COLECTIVIDADE. Facendo piña somos máis fortes que tratando de remar en solitario.
2. Non trates de quedar ben diante do teu xefe pensando que así estás salvado; o teu xefe é un dos que teñen máis cartas para saír da empresa se nos mercan outros. Queda ben cos compañeiros/as que son os que colectivamente poden axudarche.
3. Debemos defender unha redución do número de postos de traballo afectados. Ollo, non se trata de que a empresa entre na negociación cunha cifra desorbitada para logo chegar ao que quere, senón que é preciso manter a capacidade actual alá onde a Entidade é rendíbel.
4. Debe establecerse un plan pechado a 3 anos (se somos optimistas falando de medio prazo); as saídas de persoal que se podan dar deben ser de xeito progresivo para evitar que sexan traumáticas. Estas saídas deben ser voluntarias e cun sistema dirixido nomeadamente aos/ás maiores de 55 anos, garantindo a cobertura da Seguridade Social.
5. A maior parte do persoal que resta na Entidade non ten anos suficientes como para chegar ao tope das indemnizacións por despedimento improcedente. Que ninguén nos engane, aquí non fai falta aplicar a reforma laboral.
Todas as melloras e dereitos conquistáronse historicamente a través da loita, non da renuncia. Aquí podemos conseguir o que sexamos capaces de defender. Se queren aplicarnos a reforma laboral debemos participar xunto co resto da sociedade na Folga Xeral do 14 de novembro. Só así conseguiremos facerlles fronte.
Sem comentários:
Enviar um comentário