13.7.12

O perdón ten que ser sinceiro, non publicidade pagada


O pasado día 11 a sociedade coñecía as duras consecuencias do rescate bancario, nada mais nin nada menos que a intervención do Estado Español e os recortes que esta trae coma consecuencia e que tamén nos afectarán. O día 12 a Dirección de novagalicia banco pedía publicamente perdón. Petición que agora sabemos que forma parte dunha campaña publicitaria, (pagada con diñeiro dos contribuintes) que non é unha petición real.  

A reacción da clientela e da sociedade a través das redes sociais non se fixo agardar. Os comentarios son demoledores. Nos tamén temos unha visión crítica.

A clientela afectada polas preferentes (por certo non entendemos que se utilice a imaxe dos traballadores/as para falar dese produto na campaña, xa está ben!!!!, xa está ben!!!!) continua coas protestas ao berro “non pidas perdón, danos solución”.

Na petición de perdón din que colaboraran coa xustiza. É unha desgraza que non lle deran solución á clientela e que haxa que agardar que se sexan os Tribunais, vaia imaxe pública. Pero ademais colaborar coa xustiza non é unha opción, é unha obriga, non facelo pode ser un delito, obstrución á xustiza. Para dicir iso mellor estar calados.

Tamén resulta curioso que despois de criticar publicamente á CIG e despois de perseguirnos con saña, digan que estudan persoarse na causa aberta na Audiencia Nacional pola querela da fiscalía (que investigou a instancias da CIG). En fin, benvido sexa o cambio de posición, fai unha semana aínda criticaron a querela nun comunicado remitido pola Dirección á La Voz de Galicia.

Falando de preferentes e indemnizacións a representante de “Caixanova emisiones” (a través da que se emitiron as preferentes de Caixanova) era unha señora que marchou o ano pasado cunha indemnización multimillonaria pagada polo banco, non polas caixas. Fagan algo ao respecto e gáñense o maior dos respetos.

Tamén din na campaña que eles non teñen contratos blindados. Neste senso é preciso lembrar que pedímoslle a principios deste ano que se rebaixaran os seus salarios, como un xesto ante a clientela e ante o cadro de persoal. A resposta persoal do Sr Castellano foi que non, con posterioridade o goberno rebaixoulles os salarios por lei. Feito que lembrou estes días algún medio de comunicación.

En fin, agardamos que se tomen medidas reais para cortar co pasado, entre elas que se depuren responsabilidades entre as persoas da Alta Dirección de novagalicia banco, procedentes das Caixas que son responsables da emisión das preferentes; das indemnizacións; e das operacións imprudentes. Xa pedimos o cese do actual Director Xeral de novagalicia banco o Sr Díaz Arnau, petición que reiteramos i estendemos ao resto. Si non se toman medias a petición de perdón resultará pouco crible, por moi ben que se pague.

Por último dicir que agardamos que se lle pida perdón ao cadro de persoal, polos ERE´s e recortes e por facernos sufrir día a día. Deberían ter comezado por aí, nomeadamente os ex-directivos das Caixas que son Directivos do banco.

Pd. A campaña non é para publicitar a novagalicia nin os seus produtos, é para defender o seu proxecto de negocio. Creemos que é moi grave que digan que ou eles se quedan co banco recibindo axudas públicas ou será liquidado ou poxado. Que xeito de tranquilizar á clientela.

Sem comentários: