Neste momento, en que se deciden as condicións do
rescate, é o momento de exercer presión para que os axustes en materia de
emprego, que implica o mesmo, sexan os menores posibles, nomeadamente naquelas
entidades nas que xa houbo recortes considerables de postos de traballo.
O rescate
implica que a supervisión do sector financeiro recaerá sobre a Troika (FMI, UE,
BCE). Todos e todas somos conscientes da dureza que impoñen ditos organismos
cando se producen intervencións, non hai lugar para o conformismo, nin por
agardar mansamente acontecementos. A CIG ten o compromiso de defender todos e
cada un dos postos de traballo, hoxe é momento para evitar que veña un paquete
pechado de despedimentos puros e duros.
Neste senso o
luns 18, delegados da CIG en Novagalicia Banco, Banco Gallego e nas empresas
auxiliares, mantivemos unha reunión co BNG, respondendo a un convite desta
organización, na que avaliamos a situación actual e as posibles consecuencias
socio-laborais do rescate bancario. Nesa reunión o BNG estivo representado polo
deputado do Congreso e candidato á Xunta, Francisco Jorquera, o parlamentario galego,
Henrique Vieitez, e Montse Prado e Rafa Villar (integrantes da súa Executiva
Nacional). Despois da xuntanza tivo lugar unha rolda de prensa, que estaba
anunciada con anterioridade. O nacionalismo político amosou a súa disposición
para continuar colaborando, trasladando aos distintos foros nos que está
presente (nomeadamente nos Concellos, Parlamento Galego e Congreso dos
Deputados), iniciativas para esixir o mantemento do emprego.
O futuro ERE
IV, estase fraguando hoxe, é o momento de actuar e lembrar que no noso caso non
é preciso, xa levan tres ERE’s e 2.000 postos de traballo amortizados.
A Dirección,
como noutras ocasións, contraprogramou cunha reunión o mesmo día á mesma hora.
Reunión na que participamos. Chegamos á reunión (o día 18 ás 10:30) e a
Dirección, que sabía da nosa rolda de prensa, esixiu un compromiso de
confidencialidade ou dixo que non se celebraría. A única teima da Dirección
foi, coma sempre, que non déramos a nosa opinión, que non defendamos publicamente
os postos de traballo e que non defendamos a transformación nunha Banca
Pública.
Dende a CIG
deixamos claro que somos representantes dos traballadores e das traballadoras,
que non asistimos a reunións a título individual, polo que avisamos que temos a
obriga de informar aos nosos representados/as. Ademais a nosa Central Sindical
(coma outras), ten as súa opinións sobre o rescate que non pensamos calarnos.
Na dita reunión a Dirección non informou de nada destacable, limitándose
a dicir que hai un ERE en marcha que vai a respectar, que están traballando
para seguir en solitario, que agardan que o FMI teña en conta os “deberes” xa
realizados, etc..., na liña do que xa coñecedes polas notas internas.
Por último,
destacar que a presión que exercemos para evitar o pago da xubilación blindada
por parte dos ex-directivos (que xa cobraron a prexubilación) comeza a dar o
seu froito: o Parlamento Galego acordou por unanimidade unha proposición para
que o Goberno evite os pagos, acadando un acordo igual no Congreso dos
Deputados. Agardamos que a nosa alerta permita que Novagalicia Banco aforre os
33 millóns dotados para a xubilación de catro ex-directivos, o cal sería unha
boa noticia.
Sem comentários:
Enviar um comentário