Os delegados e delegadas da CIG en novagalicia banco; no Banco
Gallego (entidade participada); e nas empresas auxiliares (HP, Unicom e CISER);
convocamos unha concentración o vindeiro día 24 de maio diante da Xunta de
Galicia para esixir unha solución inmediata e urxente, un plan de futuro para
NCG Banco que garanta os mais de 7.000 postos de traballo.
- Non cabe adiar mais unha solución para NCG Banco, o tempo transcorrido á espera de investidores, só contribuíu a deteriorar á Entidade desvalorizando a mesma. Hoxe estamos obxectivamente peor que no mes de xuño de 2011. Esta manobra dilatoria, para evitar a poxa da entidade no ano 2011, só tiña como obxectivo permitir ao Presidente da Xunta eludir as súas responsabilidades despois de impulsar unha fusión continuista, que prolongou os mandatos dos órganos de goberno e dos altos Directivos das Caixas de Aforros.
- Manter a situación de incerteza e a desconfianza sobre unha entidade que tiña o 40% de cota de mercado no sistema financeiro galego e que mantén unha cota significativa, afecta ademais ao tecido produtivo e polo tanto á recuperación económica.
- Esiximos que se garanta a existencia dun proxecto autónomo, galego e baixo control público, o único camiño para evitar unha poxa que levaría a absorción da entidade poñendo en perigo milleiros de postos de traballo.
- Demandamos unha solución inmediata para a clientela afectada pola colocación de produtos complexos. Adiar a solución só está levando a unha perda de confianza e a un deterioro da imaxe pública da entidade o que dificulta a viabilidade actual e futura da entidade.
- Demandamos a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento Galego sobre a xestión das Caixas de Aforros e de NCG Banco; as eivas en materia de supervisión e control; as políticas comerciais que prexudicaron á clientela e aos traballadores e traballadoras; e queremos que se investigue a actuación dos altos directivos e das súas familias.
- Demandamos que se tomen medidas urxentes para impedir que, despois do escándalo polas indemnización multimillonarias dos ex directivos, se poda proceder a pagar de novo 33 millóns de euros por compromisos en materia de xubilación.
Basta de
adiamentos, esiximos unha solución XA para novagalicia banco que garanta o seu
futuro, en defensa dos postos de traballo, da clientela e da sociedade galega
en xeral.
Sem comentários:
Enviar um comentário