2.4.12

Do Decretazo Salgado ao Decretazo de Guindos: a lei de Murphy

Este fin de semana foi intenso, desertabámonos coas novas na prensa sobre a situación da empresa, o domingo fomos convocados pola Dirección da Entidade para manter o luns a primeira hora da maña unha reunión co Presidente na que nos foi explicada a situación que recollen os medios de comunicación. Nomeadamente sobre a situación económica, as alternativas de futuro e o problema xerado polas participacións preferentes.

Cando o Ministro de Guindos anunciou o Decretazo que leva o seu nome advertimos que o futuro da entidade non estaba nas nosas mans, nin sequera da nova Dirección, dependía de decisións políticas. O Decretazo Salgado endureceu os requirimentos de capital para forzar a conversión das Caixas en bancos. O Decretazo de Guindos utiliza tamén maiores requirimentos para avanzar na concentración do sector, facendo inviables varios proxectos en marcha. Un e outro foron ditados pola UE/FMI cambiando as regras de xogo no medio do partido.

Con todo non hai moitas novidades, o futuro da empresa pasa por un esquema de protección de activos (EPA), que o Estado venda a Entidade nacionalizada, socializando as perdas e privatizando os futuros beneficios.

As opcións seguen sendo as mesmas, ser absorbidos por un gran banco español ou ser vendidos aos fondos capital risco norteamericanos: sempre dixemos que non gañaría nin Vigo, nin a Coruña, e finalmente gañaran Madrid ou WallStreet. 

Non podemos considerar positiva ningunha das dúas opcións, nos seguimos sendo partidarios de consolidar a nacionalización da entidade transformando a mesma nun banco público e galego. Si hai que utilizar recursos dos cidadáns para sanear a empresa esta debería continuar sendo de titularidade pública e estar ao servizo da clientela e da cidadanía en xeral.

Pero si o futuro depende de decisións políticas, non é menos certo que aflorou a realidade descarnada herdada da mala xestión das anteriores cúpulas directivas. Neste senso demandamos novamente responsabilidades, entre os que marcharon e entre as persoas das altas direccións de Caixa Galicia e Caixanova que continúan na alta dirección de novagalicia banco. Queremos lembrar unha vez mais que a fiscalía anticorrupción investiga non só as indemnizacións multimillonarias percibidas polo que deixaron a empresa en perdas, si non tamén a súa xestión.

A incerteza continuará, agravada polo anuncio das perdas, o impago dos xuros da preferentes, pola caída constante de depósitos e da cota de mercado. A espera está contribuíndo a degradar a situación facendo cada día mais difícil a viabilidade da entidade que non depende dos sacrificios laborais, si non doutros factores. O tempo xoga na nosa contra, agardamos pois que se resolva canto antes, unha situación xerada pola lei de Murphy….e Alberto Nuñez Feijoo.

Sem comentários: