Onte tivo lugar en Santiago unha reunión entre RRHH e a representación sindical na que fomos informados de varias cuestións que afectan ao conxunto do cadro de persoal: a necesidade de unificar os plans de pensións de emprego de Caixa Galicia e Caixanova; a unificación das retribucións en 14 pagos; e por parte de sistemas fomos informados da situación da integración informática.
Plan Pensións
A lexislación obriga, unha vez fusionadas o 1 de decembro de 2010 Caixa Galicia e Caixanova, a unificar os compromisos en materia de previsión social no prazo dun ano. Así o confirmou verbalmente a Dirección Xeral de Seguros, tal e como nos indicou o 21 de setembro RRHH.
Temos que afrontar pois unha negociación co fin de unificar, e nós dicimos homologar, os compromisos en materia de previsión social. Para ese fin a empresa quedou en remitir á representación sindical un estudo comparativo, encargado o 17 de marzo de 2011.
• A intención da Dirección é liquidar os plans de pensións actuais traspasándoos para un novo no que o promotor sería o Banco, facéndose cargo dos compromisos existentes.
• Din que dada a situación actual e como non hai tempo para negociar (houbo tempo de abondo durante un ano), queren manter todo igual, sen homologar as condicións.
• Que posteriormente seguiríamos negociando para dar aos partícipes procedentes de Caixanova, nomeadamente ao persoal de Prestación Definida, a opción de cambiar de Plan.
A posición da CIG é clara: sabiamos que tiñamos que unificar os Plans de Pensións e queremos homologar as condicións.
O 28 de setembro continuaremos coa negociación.
Sistemas
Ante as críticas xurdidas, algunha da nosa parte, e polas que pedimos desculpas ao persoal de banca electrónica ou sistemas se se sentiu afectado, recibimos unha explicación da marcha do proceso de integración. Así como dos vindeiros sete pasos (26/09, 10-17-24/10, 7-14-21/11) que agardan supoñan unha mellora nas aplicacións.
Unificación en 14 pagos
O acordo de fusión contemplaba a unificación dos pagos en 14 para xuño deste ano; debido á complexidade técnica, din que farán unha simulación en decembro co obxectivo de implantala a final de xaneiro de 2012.
Manterémosvos ao tanto das novidades.
Sem comentários:
Enviar um comentário