13.6.11

A empresa di que quere garantir as condicións, pero sen renunciar a aplicar as medidas de recorte

Na reunión cos responsables de RRHH, a Dirección dixo estar disposta a atender as dúas reivindicacións que nos levaron á mobilización conxunta ante o Consello de Administración.

• A empresa di que quere negociar un acordo laboral que garanta as condicións do persoal no traspaso ao Banco, garantindo todas as condicións laborais. A preguntas da CIG sobre se se poderían incluír no documento garantías fronte as medidas aprobadas polo Consello de Administración, relativas a paga de beneficios e aplicación da “Sentenza de Unicaja”, a dirección contestou que non teñen intención de aplicalas pero que non renuncian a esta posibilidade.

Así mesmo e máis alá de que se recolla unha garantía de que se aplicará o Convenio de Caixas, pensamos que se este desaparece, deberíamos acordar que non será de aplicación a “cláusula de compensación e absorción” prevista no Convenio de Banca; de outro xeito, poderíamos ter o salario conxelado practicamente de por vida.

• Tamén indicaron que queren incluír no Acordo Laboral de traspaso ao banco “medidas de redución de gastos de persoal sen adopción de medidas traumáticas”. Anunciaron que queren prorrogar algunhas medidas do pacto laboral (non as prexubilacións). A preguntas da CIG contestaron que no teñen ningún interese en marcarse un obxectivo dun número mínimo de baixas incentivadas.
Quedamos emprazados para unha reunión o vindeiro mércores día 15, á que asistiremos malia que pensamos que a Dirección só quere gañar tempo.

Solicitamos información sobre os investidores, a empresa dixo que non tiña nada que contar mais ala do publicado polos medios de comunicación.

Sem comentários: