O día 11 de maio constituíuse formalmente a Mesa Negociadora dun novo convenio que dará cobertura ás antigas Caixas de Aforros. As reunións que mantivemos ata o de agora eran informais, para tratar de avanzar na negociación.
O traspaso de traballadores e traballadoras aos novos bancos, deixaba a este persoal sen a cobertura do convenio das Caixas e, a día de hoxe, seguen sen cobertura ata que non se asine un novo convenio. Se non se asina o das “Caixas” antes que o da Banca Privada cabe o risco de que este sexa de aplicación na maior parte do sector.
Dito isto, a patronal ACARL insistiu nas súas premisas anteriores:
O convenio debe facilitar a reestruturación das empresas ante a crise.
É preciso o que denominan conxelación salarial; na práctica, un recorte dos salarios para todo o persoal do sector.
Din que queren introducir no convenio unha cláusula de “salvagarda” para entidades en posición difícil (por razóns de competitividade e estabilidade no emprego). Sería co que denominan ROA Depurado, clasificando ás entidades en grupos segundo o ratio rendibilidade/activos, e permitíndolles, a través da Comisión Paritaria, que non se apliquen os salarios de Convenio ata o 2015.
Hai entidades nas que as direccións xa propuxeron recortes salariais, aos que se engadirían a conxelación salarial e, incluso, o descolgue ata o 2015. Pero en todo caso, pensamos que se está a abrir unha porta para que a maioría das entidades podan sumarse a esta tendencia de recortes salariais. A consecuencia inmediata non da crise, senón do proceso de reconversión e privatización. Os inversores queren rendibilidades que as direccións pretenden garantir con recortes laborais.
En todo caso, dende a CIG xa anunciamos que non admitiremos recortes nin a nivel de empresa, nin a nivel sectorial. Entendemos que é preciso acordar medidas concretas conxuntas para facer fronte ás intencións da patronal, porque falar de Unidade Sindical sen acordar medidas de presión é un brinde ao sol.
A próxima reunión será o 25 de maio.
Sem comentários:
Enviar um comentário