9.5.11

Activos á procura dunha solución

Cando a Ministra Salgado anunciou o Decretazo de privatización das Caixas de Aforros, dende a CIG denunciabamos a nova reestruturación que levaría aparellada este proceso e movémonos.

Convocamos asembleas e mobilizacións que tiveron o seu momento cume o 13 de marzo, no que tivo lugar unha manifestación cidadá, baixo o lema “En defensa do emprego, do aforro e do país”, na que todos e todas estabades convidados a participar. Non adoptamos unha actitude pasiva ante o que avisabamos tiña duras consecuencias laborais. Neste senso, os recortes aprobados pola Caixa non son unha sorpresa e son froito do Decretazo.

Ante a nova situación, a CIG asistirá a reunión cos demais sindicatos para tratar de pactar medidas conxuntas de resposta, pero seguimos dando pasos.

* O pasado mércores 4 de maio mantivemos unha reunión co Banco de España, xa que as medidas actuais son froito das súas imposicións. Temos solicitada tamén unha reunión co Ministerio de Economía sen que recibiramos contestación. Xa avisamos que non desbotamos mobilizacións durante a campaña electoral dado que hai responsabilidades políticas nesta situación.

* Solicitamos do BNG, que convocou canda nós a manifestación do 13 de marzo, que formule unha pregunta ao Goberno no Parlamento Español dirixida á Ministra Salgado, co fin de que clarifique o alcance laboral da privatización e, nomeadamente a reestruturación que imporá á nosa empresa.

* O venres 6 de maio tivemos unha primeira concentración de delegados/as da CIG en Novacaixagalicia de todos os comités, diante da sede central en Vigo. Esa mobilización forma parte dun calendario de resposta que xa temos aprobado. Queremos pactar medidas conxuntas, incluída a convocatoria de Folga en novacaixagalicia, pero se outros sindicatos non as consideran oportunas, a CIG continuará coas mobilizacións de delegados/as, pero tamén de traballadores e traballadoras.

* Xa que parte dos recortes virán a través do Convenio Estatal, dirixímonos a todos os sindicatos con presenza na mesa negociadora para tratar de artellar unha resposta sectorial, cunha proposta de Folga.

Insistimos en que esiximos unha retirada das medidas unilaterais proposta pola Caixa. Queremos información sobre a suba salarial dos Directivos do ano pasado, coñecer as súas retribucións individualizadas e como afectaría a cada un os recortes, e a suba individual que supuxo para eles a consolidación do 25% da súa retribución variable como fixa, aprobada no mes de outubro. Por último, queremos coñecer as indemnizacións multimillonarias das distintas persoas da alta Dirección que veñen abandonando o barco dende decembro.

1 comentário:

O demo de Bechocuntín disse...

Se os empregados/as non saimos a rúa estamos fodidos. NON SE PODE ARRANXAR NADA DESPOIS DOS FEITOS CONSUMADOS.
Todos e todas temos que apoiar unha posible folga para parar taxantemente este ataque frontal ós dereitos adquiridos durante tantísimos anos.

FOLGA XA!!!!!!!!!