Manifestación en Madrid contra a reforma da negociación |
Nós apostamos por un Convenio Sectorial de ámbito galego. Hai materias que, por ser moi sensibles, non sería positivo negocialas a nivel de empresa, establecendo diferentes condicións en cada entidade dentro do mesmo territorio (por exemplo horarios), ademais pode facer que para os directivos e accionistas, as condicións laborais se convertan nun elemento a recortar para conseguir reducir custes en relación á competencia dentro dun mesmo sector de actividade.
Ademais, a reforma da negociación colectiva pretende dotar de maior flexibilidade interna ás empresas (introducindo maior mobilidade xeográfica, mobilidade funcional, a xornada flexible, o salario flexible e cláusulas de descolgue), puntos que a ACARL aborda nas súas propostas. Non se trata de que debamos facer un “sacrificio” ante a situación das Caixas/bancos, senón de aplicar anticipadamente no sector a reforma da negociación colectiva.
Proposta da ACARL
Duración: 4 anos.
Salarios: conxelación durante 2011-2012 e unha revisión durante 2013-2014. A suba salarial final en 4 anos será do IPC menos un 4,5%; a maiores, piden a redución dos trienios ao 2% do salario base e incluír a cláusula de descolgue en base á reforma.
O IPC está situado nun 3,6%, polo que a proposta de conxelación e recorte dos trienios levaría a un importante recorte do poder adquisitivo nun momento inflacionista. Para a CIG é importante manter as nosas reivindicacións e loitar por uns incrementos salariais dignos.
Mobilidade xeográfica: eliminar os 25 quilómetros polos seguintes tramos e compensacións: de 25 a 30 km.: 3.000€; 51 a 100 km.: 6.000€; de 101 a 200 km.: 16.000€; de 201 a 300 km.: 18.000€ e +300 km.: 20.000€. Dende a CIG non aceptamos que os cambios de destino sexan arbitrarios.
Horarios: negociaríase a nivel de empresa o horario e a súa distribución. Esta posibilidade abriría unha posible guerra de horarios.
Clasificación Oficinas: matizaron a súa proposta inicial e piden suprimir as subdireccións nos niveis “C” e “D”. Continua a ser inaceptable.
Por último, dicir que hai sindicatos que aceptan cousas na mesa e despois din outras nos comunicados públicos. Non é crible que quen asinou ERE´s no sector, CCOO, UGT, CSICA, CIC (ASCA) agora pidan que as empresas renuncien a utilizalos.
A vindeira reunión está prevista para o 4 de maio.
Sem comentários:
Enviar um comentário