18.4.11

Reestruturación das empresas auxiliares

Concentración das auxiliares
Dende o inicio do proceso de fusión, unha das maiores preocupacións da CIG foi o impacto que a reestruturación podería ter nas empresas auxiliares, xa que en moitos casos estaban duplicadas as funcións entre A Coruña e Vigo. Sempre defendemos a apertura dunha mesa negociadora , tal e como reclamamos durante a negociación do Pacto Laboral da Fusión, sen que finalmente se abordase como quedarían as auxiliares, un dos motivos polos que a CIG non o asinou.

Temos requirida en numerosas ocasións información sobre o posible impacto nas auxiliares, incluso nas reunións ao máximo nivel coa Dirección da Caixa, sen recibir ata agora ningún tipo de contestación.
O día 14 de abril mantivemos unha reunión na que fomos informados do proceso de reestruturación dos Servizos Centrais, que está relacionado coas empresas auxiliares. A reestruturación está en marcha e incluso agardan tela moi avanzada para finais de setembro. Haberá que agardar a decisión final do Banco de España e Ministerio de Economía sobre unha posible maior reestruturación, dependendo do volume de axudas públicas que a Caixa reciba do FROB.

Nesa reunión, e a resposta dunha pregunta da CIG, un responsable do Departamento de Desenvolvemento Organizativo dixo que para eles, a das empresas auxiliares non é una regulación prioritaria nestes momentos, pero que entenden que por lóxica teranse que facer axustes malia que agardan que non con recortes (do que cabe extraer que non haberá medidas traumáticas) e que dende a Dirección serán “sensibles”. Argumentou que debido a duplicidades, nun determinado momento pode haber persoal de empresas auxiliares que non teña carga de traballo, pero que se procuraran solucións. Malia a nosa insistencia non facilitaron máis información.

En todo caso seguiremos dándovos información de como se desenvolva un proceso que pode ter repercusións laborais directas.

Sem comentários: