25.3.11

A Dirección asume o compromiso de tratar de evitar despedimentos

O día 25 de marzo mantivemos unha reunión coa Dirección da Caixa coa presenza do Director Xeral e do Director Xeral adxunto, respondendo ao compromiso de informar á representación sindical das decisións tomadas no Consello de Administración.
Máis alá do que xa coñecedes tanto a través da Caixa, como dos medios, dende a CIG insistimos en todo o relacionado co laboral e co emprego.

O Decreto establece que acudir ao FROB implica unha nova reestruturación, algo que lembrou tamén o comisario europeo Joaquín Almunia. A Dirección descarta alongar o Plan de Prexubilacións debido ao seu custe inmediato (o aforro das prexubilacións é a medio prazo, pero hai un desembolso inicial hoxe que din que non poden asumir), o que en principio xera incerteza sobre como se afrontaría o plan de reestruturación.

O Consello aprobou a posible petición de fondos ao FROB a devolver en 2 anos, o Decreto establece esta posibilidade cando o Banco de España requirira unha maior reestruturación. O que pode ser bo dende o punto de vista empresarial, pode ser peor dende o laboral. Por último, canto maior é a cantidade solicitada, maior deberá ser o recorte.

Á vista do Decreto, semella que solicitar máis diñeiro ao FROB non é discutible, sempre avisamos que o Decretazo podía ter duras consecuencias laborais.

O Director indicou que, se fose preciso, apostarían por axustes solidarios antes que aplicar medidas traumáticas. Semella unha boa declaración de principios.

Dende a CIG solicitamos:

• Que nas conversas co Banco de España se estableza se o axuste laboral xa realizado se considera suficiente ou se, pola contra, hai que asumir maiores axustes.

• O pasado plan de axuste (de 1.230 persoas e 300 oficinas), foi decidido polo Banco de España. Dado que as prexubilacións semellan pechadas, insistimos en que se o Banco de España e o Ministerio de Economía obrigan a reducir persoal a través de despedimentos, se nos informe previamente para poder dirixirnos a estes entes privatizadores directamente.

• Así mesmo, preguntamos se van habilitar vías brandas para que os traballadores/as poidamos contribuír á capitalización da Caixa, algo que dixeron tiñan contemplado.

• Na mesma liña, preguntamos se avaliaron poder contar co noso Plan de Pensións que ten un patrimonio en torno aos 700 millóns de euros. Hai unha parte que legalmente podería ser utilizada. Xa que hoxe somos accionistas de entidades da competencia como do Santander, semella máis lóxico ser accionistas da nosa empresa (previa negociación), evitando que teñan que recorrer a fondos que poden implicar recortes laborais. Sería ademais, unha mostra de confianza ante a propia clientela e a sociedade en xeral.

Por último, informámosvos que o vindeiro día 5 de abril iremos a Madrid: o sindicalismo galego, vasco, catalán e canario, manifestarémonos contra a Reforma das Pensións e a Reforma da Negociación Colectiva, e, no noso caso, farémonos escoitar diante do Banco de España.

A CIG, o sindicato que se move na defensa dos postos de traballo e as condicións laborais.

Sem comentários: