11.3.11

A CIG solicita a dimisión de Salvador Fernández Moreda e Mar Barcón do Consello de Administración de Novacaixagalicia

A aprobación do Decreto de privatización das Caixas de Aforros por parte do Goberno central que contou co apoio do PSOE na súa tramitación parlamentar, sitúa a Novacaixagalicia, na que traballan de xeito directo 7.000 persoas, nunha difícil situación cara ao futuro.

Máis alá do proceso de privatización, estamos ante unha actuación irresponsable: primeiro, da Ministra Salgado, co anuncio nunha rolda de prensa o 24 de xaneiro das medidas a tomar, e agora, por parte do Banco de España, coa publicación de datos sesgados en materia de solvencia e viabilidade das distintas entidades. Semella que estamos ante unha campaña de desprestixio que sementa incerteza entre a clientela, e pretende rebaixar o valor real de Novacaixagalicia para ser malvendida ao capital especulativo internacional.

A CIG asegura que, a raíz do Decretazo do Goberno central, o persoal da caixa de aforros, tanto o de oficinas, como o de Servizos Centrais como o da Obra Social e Fundación e o persoal das empresas auxiliares e de Servizos, pagarán as consecuencias dunha nova reestruturación.

Todas as saídas posibles ao abeiro do Decreto poden ter repercusións laborais; sen ir máis lonxe, como lembraban onte dende a Comisión Europea, calquera entidade que precise recorrer ao FROB deberá presentar un novo plan de reestruturación.

Calquera medida que afecte aos postos de traballo e ás condicións laborais, terá un responsable directo: o PSOE.

Ser Conselleiro/a da Caixa de Aforros implica defender a entidade, dende a CIG entenden que é incompatible estar no Consello de Administración da Caixa de Aforros, e apostar pola privatización da mesma poñendo en perigo milleiros de postos de traballo. Neste senso solicitan a dimisión inmediata dos seus postos no Consello de Administración de Novacaixagalicia de Salvador Fernández Moreda e Mar Barcón, por non defender os intereses da Caixa de Aforros Galega fronte aos ataques do seu propio partido.

Lamentan tamén a parálise da Xunta de Galicia en todo este proceso. Se hai un ano, o Presidente Núñez Feijoo contou coas organizacións políticas e axentes sociais para defender o dereito de Galiza a contar cunha caixa de aforros, nesta ocasión preferiu permanecer nun segundo plano sen mobilizar ao País, como era a súa obrigación, e sen recorrer o decreto. E onte, o Partido Popular abstívose no Congreso dos Deputados ante o maior ataque ao autogoberno galego e a intención de facer desaparecer a Caixa de Aforros Galega.

Por último dende a CIG-Novacaixagalicia fan un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro 13 de marzo ás 12:00 horas na Alameda de Santiago “En defensa do aforro, o emprego e o País”.

1 comentário:

Sen empresa disse...

Nos iremos ao paro, pero eles fora do Consello e que se investiguen a xestión!!!