31.1.11

Unidade sindical para defender o que?

Defendemos a Caixa na rúa
O día 25 de xaneiro, con posterioridade ao anuncio da ministra Salgado, dirixímonos a CCOO e a UGT que, xunto coa CIG, son as tres centrais sindicais maioritarias en Galiza, co fin de unificar criterios e abordar medidas conxuntas en defensa da nosa empresa. Finalmente a unidade de acción non é posible, non compartimos a mesma posición sindical ante a posible desaparición da Caixa.
Pensabamos que os sindicatos debiamos dar o primeiro paso e posteriormente manter reunións con todo tipo de organizacións e entidades dispostas a defender a Caixa de Aforros, co fin de mobilizar a sociedade civil galega ante a ameaza do Goberno.

Desgraciadamente a unidade sindical non é posible, o primeiro requisito sería que as organizacións mantiveramos unha posición clara contraria á privatización e non é así.

A CIG deixou clara a súa posición, favorable ao mantemento da actual natureza xurídica da Caixa de Aforros, así como a nosa oposición clara e rotunda fronte a manobra do goberno do PSOE que só trata de xustificar a privatización da entidade. Pola contra, outros sindicatos maioritarios xa cambiaron de postura, non fan explícita a súa posición a respecto do futuro de Novacaixagalicia, pero apoian o proceso de bancarización de outras caixas, como en “La Caixa de Pensións”. Claudicarán na defensa da Caixa como claudicaron na defensa das pensións ou contra a reforma laboral.

Tampouco compartimos o modelo do denominado Pacto Social, pero en todo caso, CCOO e UGT deberían explicar porque non trasladan ao Goberno central a defensa das Caixas de Aforros fronte ao proceso de bancarización e privatización.

Insistimos que a nosa é unha caixa solvente e viable, estamos ante unha decisión política por parte do Goberno central para forzar a privatización e unha nova e maior reestruturación.

A CIG está disposta á unidade sindical para defender a Caixa de Aforros, pero non entraremos en “merendas” sen deixar claro que é o que se defende, e sen establecer cales son os pasos a dar.

Por último, dicir que xa mantivemos contactos coa Dirección, trasladándolle a nosa posición clara e sen reservas: nós defendemos a Caixa de Aforros Galega.

Sem comentários: